martes, 19 de marzo de 2013

Maratón


Nos Xogos Olímpicos modernos o certame adoita pecharse coa carreira denominada maratón, longa proba de resistencia que supera os 42 quilómetros de percorrido. Porén, esta contenda non existía na Antigüidade, xa que foi introducida en 1896, cando a gran cita do atletismo renaceu en Atenas tras unha interrupción de mil cincocentos anos.
O nome foille posto para recordar -e ao mesmo tempo, homenaxear- un dos acontecementos máis importantes da historia antiga de Grecia: no ano 490 a.C., os atenienses enfrontáronse ao poderoso exército persa, a maior potencia militar e económica da época, na chaira que leva o nome de Maratón (que literalmente significa “campo de fiollos”).
A relación de forzas era moi desigual, case de vinte a un a favor dos persas, pero, contra todo prognóstico, a vitoria inclinouse do lado dos atenienses que, deste xeito, conseguiron salvar a súa cidade e a súa liberdade. Nos cen anos seguintes, Atenas converteuse no maior centro cultural de Europa. Que tería sucedido se os atenienses en lugar de vencer foran derrotados? É imposible sabelo, pero quizais o noso continente non fose tal  como hoxe o coñecemos.
Segundo o gran historiador do século V a. C. Heródoto, antes da batalla os atenienses enviaran un emisario a Esparta para solicitar axuda. Este home, chamado Filípides, era un corredor máis que notable, xa que empregou só dous días para percorrer os 240 quilómetros que separan as dúas cidades e outros tantos para volver coa resposta dos espartanos que, malia tanto esforzo, foi decepcionante, pois escusáronse de acudir alegando motivos relixiosos.
Co transcurso do tempo, unha tradición tardía converteu a Filípides no prodixioso corredor que os vencedores terían enviado a comunicar, ao finalizar a batalla, o desenlace do combate a cantos permaneceran na cidade, seguramente ansiosos e co corazón na boca. Segundo esta versión, Filípides, sen desfacerse da súa armadura, cumpriu coa súa misión; pero chegou tan esgotado que só tivo tempo de acadar o lugar onde agardaba o pobo de Atenas, berrar “vencemos” (νενικήκαμεν) e entregar a alma de inmediato. Pode que os feitos non foran exactamente así, pero a historia é moi fermosa e foi facilmente aceptada pola posteridade.
Xa en tempos dos primeiros xogos olímpicos modernos  mediuse a distancia que presuntamente percorrera Filípides e, dende entón, é dicir, dende 1896, dispútase no seu honor esta longa e fatigosa proba que leva o nome dun campo de batalla onde medraban os fiollos.



E se queres máis información, podes atopala aquí: